02/12/24 | Incidencia política, Noticias
O luns 2 de decembro representantes da directiva de Amizade reuníronse co alcalde de Poio para transmitirlle a imperiosa necesidade de solucionar os problemas de accesibilidade cos que conta o Pazo Besada.
Amizade trasladou ao alcalde que na contorna do Pazo Besada non existen estacionamentos reservados para persoas con mobilidade reducida, que o pavimento é moi rugoso e inestable e dificulta os desprazamentos, que a rampla que existe nun lateral conta con pavimento rugoso, que non existe un correcto mantemento e hai zonas con bastante verdín que resultan escorregadizas, ou que a porta situada no suposto acceso accesible non permite o accionamento e apertura exterior de forma autónoma.
Desde a asociación insistimos na necesidade de que conten co asesoramento de Amizade, COGAMI ou algunha entidade experta en accesibilidade que poida confirmar que as solucións que se atopen realmente cumpran a normativa e resulten verdadeiramente accesibles para todas as persoas.
Pola súa banda, desde o Concello de Poio o alcalde admitiu que eran conscientes da necesidade de solucionar todos os problemas de accesibilidade cos que contan as dependencias de benestar social e comprometeuse con Amizade en traballar conxuntamente para darlle solución.
29/12/23 | Incidencia política, Noticias

Na mañá do 18 de decembro produciuse unha reunión na que o Presidente da Asociación Amizade, Paulo Fontán, lle transmitiu ao alcalde de Barro, Xosé Manuel Fernández Abraldes, a necesidade de efectuar certas melloras na accesibilidade de toda a contorna do parque natural Ría Barosa.
Ademais de solicitar que na zona máis próxima ao acceso peonil se sinalice unha praza de estacionamento reservada a persoas con mobilidade reducida, o Presidente de AMIZADE trasladou a necesidade de mellorar o itinerario de acceso tapando de algunha maneira os surcos que existen na actualidade e que dificultan o acceso a persoas usuarias de cadeira de rodas. Tamén se considera necesaria a modificación do pavimento de gravilla existente, así como a necesaria incorporación de baños adaptados a persoas con mobilidade reducida.
Outras cuestións tratadas na reunión foron a necesidade de sinalizar unha praza de estacionamento reservada a persoas con mobilidade reducida na zona máis próxima posible á casa consistorial, revisar o deseño das marquesiñas, realiza unha análise da accesibilidade das instalacións municipais, ou garantir que os eventos culturais que organice o Concello resulten accesibles para todas as persoas, entre outras.
AMIZADE quere agradecer a disposición do alcalde de Barro, tanto para manter a reunión como polo compromiso asumido de continuar mantendo un diálogo fluído e consultar coa Asociación Amizade todas aquelas cuestións nas que a entidade ten experiencia e coñecemento.
29/11/23 | Incidencia política, Noticias

O 28 de Novembro, representantes da asociación Amizade reuníronse co alcalde de Cambados, Samuel Lago, para transmitirlle as súas demandas e propostas de cara aos vindeiros 4 anos.
A reunión serviu para que se producira a presentación oficial entre o alcalde e a asociación.
Máis no miudo, na reunión abordáronse cuestións relativas á accesibilidade (estudando a posibilidade de aprobar unha ordenanza municipal de accesibilidade, instando aos técnicos municipais a ser máis esixentes no outorgamento de licenzas para locais de uso público que non cumpran a normativa, a ampliación da oferta de baños públicos accesibles, garantir a accesibilidade aos eventos culturais e festivos, ou citar numerosas dificultades concretas en puntos localizados do Concello), cuestións relativas ao transporte (correcta sinalización e deseño das marquesiñas, o cumprimento da reserva de taxis adaptados ou o deseño e localización das prazas de estacionamento reservadas para persoas con mobilidade reducida), da situación do emprego público e a reserva de postos para persoas con discapacidade, a incorporación de cláusulas sociais nas diferentes licitacións de contratos públicos de obras ou servizos, etc.
AMIZADE quere agradecer a disposición do alcalde de Cambados, tanto para manter esta primeira reunión como polo compromiso asumido de continuar mantendo un diálogo fluído e consultar coa Asociación Amizade todas aquelas cuestións nas que a entidade ten experiencia e coñecemento.
17/10/23 | Incidencia política, Noticias

O 11 de Outubro membros da directiva de amizade mantiveron unha reunión co concello de Pontevedra, acudiu Paulo Fontán en calidade de Presidente e César Maquieira como vogal.
Na reunión tocáronse temas como a mobilidade, accesibilidade e a igualdade á hora de incorporarse ao mercado laboral. Entre as peticións que trasladou Amizade, estiveron a instalación de baños públicos accesibles, a incorporación de máis taxis adaptados ou a corrección de elementos do mobiliario urbano que non quedaron de xeito axeitado e se deterioraron co seu uso habitual.