Na mañá do 18 de decembro produciuse unha reunión na que o Presidente da Asociación Amizade, Paulo Fontán, lle transmitiu ao alcalde de Barro, Xosé Manuel Fernández Abraldes, a necesidade de efectuar certas melloras na accesibilidade de toda a contorna do parque natural Ría Barosa.
Ademais de solicitar que na zona máis próxima ao acceso peonil se sinalice unha praza de estacionamento reservada a persoas con mobilidade reducida, o Presidente de AMIZADE trasladou a necesidade de mellorar o itinerario de acceso tapando de algunha maneira os surcos que existen na actualidade e que dificultan o acceso a persoas usuarias de cadeira de rodas. Tamén se considera necesaria a modificación do pavimento de gravilla existente, así como a necesaria incorporación de baños adaptados a persoas con mobilidade reducida.
Outras cuestións tratadas na reunión foron a necesidade de sinalizar unha praza de estacionamento reservada a persoas con mobilidade reducida na zona máis próxima posible á casa consistorial, revisar o deseño das marquesiñas, realiza unha análise da accesibilidade das instalacións municipais, ou garantir que os eventos culturais que organice o Concello resulten accesibles para todas as persoas, entre outras.
AMIZADE quere agradecer a disposición do alcalde de Barro, tanto para manter a reunión como polo compromiso asumido de continuar mantendo un diálogo fluído e consultar coa Asociación Amizade todas aquelas cuestións nas que a entidade ten experiencia e coñecemento.