Nos meses de decembro de 2013, e xaneiro e febreiro de 2014 o presidente de Amizade reuniuse con diversos responsables políticos técnicos do concello de Pontevedra. Nestas reunións, Amizade trasladou a súa opinión e as súas propostas sobre variados temas.
Un deles foi o referente ao uso fraudulento que algunhas persoas fan das tarxetas de estacionamento para persoas con mobilidade reducida e da necesidade de exercer un maior control por parte da Policía Local. Paralelamente falouse da necesidade de ampliar o número de prazas reservadas en zonas céntricas da cidade.
Outro tema tradado foi estudar mecanismos de control na execución de obras públicas co fin de evitar resultados inaccesibles, así valorar a conveniencia de contar cunha ordenanza municipal de accesibilidade.
Tamén se falou de deseñar un plan de incorporación de novos Eurotaxis á flota de Pontevedra, de maneira que se poida conseguir a porcentaxe do 5% de Eurotaxis antes do 2.017, segundo establece a lei.
A incorporación de cláusulas socias nos contratos públicos tamén se incluíu dentro das propostas que Amizade trasladou aos responsables do concello, incidindo na necesidade de primar empresas comprometidas coa accesibilidad e co emprego de persoas con discapacidade, ao tempo que favorecer aos centros especiais de emprego sen ánimo de lucro asignándolle carga de traballo.
Os diferentes concelleiros e concelleiras foron receptivos en todos os aspectos que se lle plantexaron e quedouse en estudar en profundidade cada tema en reunións futuras.