A nosa mensaxe
Igualdade real de oportunidades
Ben é certo que se ten avanzado moito na percepción social da discapacidade, pero non é menos certo que aínda queda moito camiño por percorrer.
Non hai moito tempo que se pensaba que o problema o tiña a propia persoa con discapacidade, que era quen tiña que integrarse na sociedade. Ultimamente parece terse xa claro que o problema reside nunha sociedade que non dá cabida a unha pluralidade de persoas diferentes.
En Amizade imos máis alá do concepto de inclusión e loitamos por conseguir a normalización da vida das persoas con discapacidade. Que calquera persoa poida desenvolver a súa vida en condicións de igualdade co resto da cidadanía, sen ter que andar pedindo favores nin preocupándose por se poderá entrar en tal sitio, comunicarse con tal administración, gozar dun espectáculo, etc.
Si, se cadra pode semellar algo ambicioso, quizais até utópico, pero esa é a nosa meta, pola que loitamos cada día.
O correcto uso da terminoloxía
Desde Amizade somos conscientes de que a linguaxe crea, modifica e orienta o pensamento, e que de utilizar uns termos ou outros, a percepción individual e a transmisión social que se producen son ben diferentes. Tanto é así que a propia OMS promocionou a Clasificación Internacional do Funcionamento, da Discapacidade e da Saúde (CIF) no ano 2001, na que se pretende desprazar o “problema” da persoa ao entorno, eliminando termos como “deficiencia” ou ”minusvalía” e introducindo novos conceptos como “estado de saúde”. Enténdese a discapacidade como a limitación no funcionamento dunha persoa dentro dun contexto particular, e considérase que os factores ambientais inflúen e se relacionan co funcionamento e coa discapacidade. Estes, á vez, son conceptos dinámicos, no sentido de que nunha persoa determinada coexisten tanto limitacións como capacidades.
Faise preciso un esforzo de información e comunicación á sociedade para que comprenda a diferencia entre utilizar un ou outro termo. Un esforzo que xa vimos realizando desde Amizade nos últimos anos e que agarda ter unha maior presencia social e mediática coa realización de varias charlas de concienciación social e xornadas específicas de traballo cos medios de comunicación.
Solidaridade ou caridade
Existe certa confusión social entre ambos conceptos (sobre todo en datas sinaladas como o Nadal) e desde Amizade intentamos clarificalos e actuar sempre fuxindo da caridade.
A solidariedade non ten carácter benéfico, nin paternalista, senón que se compón do apoio mutuo e o altruísmo; é dicir, procurar o ben alleo sen esperar nada a cambio. Cando nunha acción solidaria algún integrante ten obxectivos persoais, cando o fai para sentirse ben, está actuando caritativamente.
Para expoñer a diferenza, sirvan unhas palabras de Eduardo Galeano: “A diferenza da solidariedade, que é horizontal e se exerce de igual a igual, a caridade practícase de arriba cara abaixo, humilla a quen a recibe, e xamais altera nin un pouquiño as relacións de poder”.