Amizade visita Ribeira

O domingo día 9 de xullo, corenta e un socios/as de Amizade visitamos Ribeira. Concretamente participamos da III Romería da Diversidade que organizou a Asociación Ambar (membro de COGAMI).

Ás 10:00 da mañá saia o autobús de Monte Porreiro, que faría unha parada en Pontevedra para recoller o resto dos/as socios/as. Antes das 12:00 chegábamos a Ribeira e participábamos das múltiples actividades, obradoiros, e outras que tiñan organizadas.

Sobre ás 14:00 xantamos nas inmediacións da Romería e a praia de Coroso en boa compaña e moitas risas.

Pola tarde, seguimos participando das actuacións, bailamos co grupo de pandereteiras e rimos con Toñito de Poi entre outras.

Sobre ás 18:30 o autobús tomaba destino de volta a Pontevedra.

 

 

Accesibilidade das praias da comarca

Praia de Silgar en Sanxenxo (Pontevedra). Unha das mellores da zona en canto accesos (conta con pasarelas á praia, aos baños, ao posto de socorro e ao chiringo), baños adaptados, cenador (zona reservada á sombra no medio do areal) e prazas reservadas de aparcamento a persoas con mobilidade reducida (sobre 10 nas inmediacións praia).

Xornada para probar Handbikes

O pasado 29 de xuño, no Recinto Feiral (Pazo Cultura Pontevedra), Amizade organizou unha xornada para que toda aquela persoa interesada puidera probar unha handbike (bicicleta adaptada) marca Rodem (de tres tipos manual, automática e híbrida).

A actividade deu comezo ás 11:00 e rematou ás 17:30, contando durante a mesma con persoal técnico da marca Rodem e a ortopedia da cidade onde se van adquirir as mesmas (Acceda Ortopedia).

A mesma organizouse con motivo da selección de Amizade no “Programa de axudas a entidades que loitan contra a exclusión social”, dentro do Plan Social promovido pola empresa Ence, xa que dita axuda destinarase a adquirir tres handbikes que estarán dispoñibles en servizo de préstamo para calquera socio/a da asociación que as solicite.

Está previsto que a finais do mes de xullo, Amizade teña xa adquiridas esas handbikes e esta xornada permitía que puidesen probalas, ver funcionamento, familiarizarse coas mesmas, entre outras.

Estas bicicletas permitirán ás persoas con discapacidade practicar deporte, ao tempo que facilitan a súa mobilidade.

 

II Xornada Multideportiva Adaptada

O pasado sábado, 27 de maio, na Alameda de Pontevedra (Avda. Montero Ríos de Pontevedra), Amizade organizou a súa II Xornada Multideportiva Adaptada, dirixida a todas aquelas persoas interesadas que quixeran probar e practicar distintos deportes adaptados.

A actividade deu comezo ás 10:00 e rematou ás 14:00. Estivo xestionada pola Fundación También que contan con ampla experiencia na inclusión social das persoas con discapacidade e o fomento de valores educativos en actividades deportivas adaptadas, de ocio e tempo libre e que se desprazan desde Madrid nunha unidade móbil de deportes adaptados sendo o obxectivo principal o achegar a toda a poboación o deporte adaptado.

Entre outros, puidéronse probar deportes coma baloncesto, tenis de mesa, tiro con arco, bádminton, boccia, slalom,…Deste xeito ofreceuse a posibilidade de probar unha variada selección de deportes adaptados, coñecer o material deportivo adaptado, concienciar sobre as dificultades que unha persoa con discapacidade ten para vivir no seu día a día, sensibilizar sobre a necesidade de normalizar a vida das persoas con discapacidade, entre outras.

Esta xornada foi posible grazas á colaboración do Concello e Deputación de Pontevedra que financiaron case o completo a actividade no seu conxunto.