Liga Local de TRAIL-O organizada por Aromon e a asociación Amizade
A Asociación AMIZADE celebrou o pasado domingo 10 de Maio a primeira proba da liga local de TRAIL-O, organizada en colaboración co club Aromon, na contorna do Miradoiro de Monteporreiro.
O TRAIL-O é unha modalidade do deporte de orientación na que non se valora tanto a velocidade senon o pensamento, análise e interpretación dos mapas. E sobre todo, permite que poida ser practicada por persoas con mobilidade reducida, xa que se desenvolve ao longo dun itinerario accesible.
A xornada contou con 20 desafíos e unha proba final cronometrada para desempatar, sendo a primeira das tres probas previstas antes de finalizar o ano.
Desde AMIZADE e Aromon animan a toda a cidadanía, con e sen discapacidade, a achegarse e descubrir este deporte inclusivo, agradecendo tamén a colaboración do Concello de Pontevedra polo seu apoio na organización destas actividades.