1 de 4 mulleres con discapacidade denuncia ter sufrido violencia machista. A violencia contra as mulleres con discapacidade prodúcese de moi diversas formas, desde a negación de coidados, a humillación ou a estigmatización, ata abortos coercitivos ou as esterilizacións forzosas. En moitos casos implican incapacitacións xudiciais (unha persoa incapacitada xudicialmente, non pode votar nin poñer unha denuncia sen que a acompañe o seu titor legal).

O caso que expoñemos a continuación é violencia institucional.

O viacrucis de Blanca (por dar un nome) comezou o pasado 22 novembro de 2018 coa presentación dunha reclamación ao Servizo Galego de Saúde na que expoñía por unha banda, as dificultades de accesibilidade aos servizos sanitarios dirixidos ás mulleres (xinecoloxía, obstetricia) e o instrumental empregado nas consultas xinecolóxicas (padiolas, equipamentos para a realización das exploracións,…), e por outra banda, a atención por parte do persoal socio-sanitario, con condutas inaxeitadas e discriminatorias, (como o non dirixirse directamente á paciente á hora de facer preguntas sobre a doenza senón falar coa persoa acompañante, restarlle importancia a ditas doenzas atribuíndoas á propia discapacidade,…).

O 3 de xaneiro de 2019, o Servizo Galego de Saúde deu resposta a dita reclamación alegando que “sempre se dispón de persoal cualificado e sensible para prestar a axuda que sexa necesaria na realización das exploracións”.

Dita resposta, non respondía á demanda de Blanca, polo que dirixiuse pois, á Valedora do Pobo a cal solicitou informe sobre dita situación á Consellería de Sanidade. A resposta desta foi textualmente que “a Área de Pontevedra O Salnés dispón de recursos accesibles para as mulleres con discapacidade” e que “no próximo hospital Gran Montecelo contempla espazos físicos máis amplos e accesibles a estes fins. Ademais, estase a valorar a dotación de padiolas e básculas adaptadas e grúas para transferencias en caso de necesidade”.

Polo que, Blanca dirixiuse novamente á atención ao paciente de cara obter información de como ter acceso a unha atención xinecolóxica adaptada. Alí informáronlle debía facer unha solicitude de asistencia a un centro distinto ao de referencia.

O 6 de xuño de 2019, presentou dita solicitude, solicitando o servizo de xinecoloxía no Hospital do Salnés, alegando inexistencia de sillóns xinecolóxicos adaptados nos centros de saúde da cidade de Pontevedra.

Non obtivo resposta.

En outubro, decidiuse a presentar outra queixa, solicitando dita resposta. Así foi que o pasado 7 de novembro, chamárona desde o Hospital de O Salnés para darlle unha cita de xinecoloxía (non lle dan resposta a solicitude de cambio de centro, senón que directamente, a citan telefonicamente) para o día seguinte. A persoa manifesta dificultades para o desprazamento e solicita que a chamen con 8 días de antelación de cara a solicitar o Servizo de Apoio á Mobilidade (065).

O día 11 de novembro volven chamala para que acuda o día 18, polo que, tampouco lle da tempo a solicitar o servizo de transporte e decídese solicitar a ambulancia. Despois de varias chamadas para solicitala (a través do médico de cabeceira, do propio especialista que solicita a cita,…). A persoa responsable da xestión de ambulancias informa non lle corresponde dito servizo por non pertencer á zona do Salnés senón á zona de Pontevedra.

Consecuentemente, Blanca tivo que anular a cita, polo que, fica sen dita atención e sen saber se ten ou non dereito, ela e o resto de mulleres con mobilidade reducida, a unha atención xinecolóxica adaptada.

É por isto, que a Asociación Amizade reclama rematar xa con esta violencia contra ás mulleres con discapacidade.

Este sitio web emprega cookies para que vostede teña a mellor experiencia de usuario. Si continúa navegando está dando o seu consentemento para a aceptación das mencionadas cookies e a aceptación da nosa política de cookies, pinche no enlace para máis información.

Este sitio web utiliza cookies para que usted tenga la mejor experiencia de usuario. Si continúa navegando está dando su consentimiento para la aceptación de las mencionadas cookies y la aceptación de nuestra política de cookies, pinche el enlace para mayor información.

ACEPTAR
Aviso de cookies