Servizos
Formación
Cursos AFD (anteriormente cursos FIP)
As Accións Formativas prioritarias para Desempregados (AFD) comprende o conxunto de accións de formación profesional ocupacional dirixidas aos traballadores desempregados, para proporcionarlles cualificacións requiridas polo sistema productivo e insertalos laboralmente, cando os mesmos carezan de formación profesional específica ou a súa cualificación resulte insuficiente ou inadecuada.
A programación destes cursos elabóraa o INEM sempre suxeita aos obxectivos establecidos na planificacións do Ministerio de Traballo e Asuntos Sociais, en base as necesidades de formación da rexión e o sector productivo, detectados polos/as orientadores/as do Servizo de Intermediación Laboral (SIL), e a través das contratacións dos últimos 3 anos, así como da inserción dos alumnos/as xa formados.
Talleres
Dentro de todas as actividades e talleres organizados en Amizade procuramos que para cada Alumno/a se elabore un programa individual – adaptado a súa capacidade e estructuras cognoscitivas persoais – de intervención física, psicolóxica ou de iniciación ao mundo laboral nos casos que sexa posible.
Este programa integrado por diferentes talleres terá como finalidade a habilitación social e a promoción profesional das persoas con discapacidade tendo en conta as súas necesidades e as necesidades do seu contorno.
A participación de todos os alumnos nas actividades supón ao mesmo tempo unha situación de respiro familiar.
Información e asesoramento
Diariamente, en horario de atención de 8:30 a 15:00, no local social de Amizade, infórmase a todas as persoas que o soliciten. Proporciónase información de moitos temas, tales como os beneficios do certificado de discapacidade, axudas económicas e técnicas, accesibilidade e supresión de barreiras, formación, asociacionismo, emprego, etc.
Todas as consultas recibidas en Amizade son rexistradas nunha base de datos proporcionada por COGAMI. A resolución das mesmas realízase de forma inmediata polo persoal de Amizade, sempre que non requira un asesoramento profesional específico; neses casos, a consulta é trasladada ás oficinas centrais que COGAMI ten en Santiago de Compostela. Alí un equipo multidisciplinar de profesionais (avogados/as traballadores/as sociais, economistas...) redacta un informe coa resolución da consulta efectuada en non máis de catro días. Unha vez recibido este informe trasládase a resolución adoptada a persoa interesada.
Actividades e campañas
Piscina Terapéutica
Con esta actividade búscase mellorar as condicións físicas e de psicomotricidade e, consecuentemente, a autonomía das persoas que participan da mesma.
Ten lugar nas instalacións da piscina de Campolongo, os luns e os mércores, de 11:45 a 12:30h, onde unha monitora especializada guía ás persoas participantes no desenvolvemento dos exercicios. Hai prazas libres, por se calquera socio/a se quixese anotar.
Actividades asociativas
Particípase nas reunións e asembleas da FAMFIP e de COGAMI das que Amizade forma parte.
Mantéñense contactos periódicos con responsables políticos da comarca de Pontevedra para tratar temas ordinarios de traballo continuo ou algunha cuestión particular que nos sexa transmitida por algún socio/a.
Ocio e tempo libre
As actividades de ocio e tempo libre véñense desenvolvendo pola asociación desde o seu nacemento. Favorecen a integración na comunidade das persoas con discapacidade a través da participación social á vez que melloran as relacións interpersoais.
Téñense programado, nos últimos anos, visitas a lugares de interese (museos, bodegas,...), asistencia a espectáculos deportivos, xantares e ceas, etc.
No 2008 continuose ofrecendo aos socios/as opcións onde ocupar o seu tempo de lecer, de xeito que se realizaron dúas comidas de confratenidade, unha visita ao monte Aloia e sendas visitas ás asociacións pontevedresas Amencer e Juan XXIII.
Durante o 2009 ampliouse un pouco máis a oferta de actividades organizándose unha comida na praia de Montalvo, unha visita á praia de Rodeira en Cangas, unha visita ao parque natural Complexo Dunae de Corrubedo, realizouse o roteiro Castelao, visitouse a Área arqueolóxica do Tourón e tivo lugar unha comida.
Centro de atención integral
O noso centro ten por finalidade satisfacer as necesidades de promoción profesional e habilitación integral das persoas con discapacidade na súa zona de residencia, sempre axustadas as súas características persoais e polo tanto cun itinerario específico que lles permite superar os obstáculos que as veces supón a súa discapacidade.
Non pretende ter un carácter finalista ou residual, no sentido de que as persoas que participan no centro permanecen alí sen máis posibilidades de avance, senón que se contempla como unha posibilidade máis dentro do sistema laboral, sempre que sexa factible; e dicir, como unha etapa previa á formación ocupacional ou ao emprego, tanto nun entorno protexido (centros especiais de emprego) como nun emprego ordinario.
Proxectos
Servizo de transporte adaptado
O servizo de transporte adaptado constitúe unha verdadeira necesidade para as persoas con mobilidade reducida. A ausencia de transporte público accesible dificulta a participación de moitas persoas nas actividades do centro polo que se fai necesario contar cun vehículo propio de transporte adaptado que posibilite esa participación.
Amizade solicitará financiamento a institucións públicas e privadas co fin de poder contar cunha furgoneta no prazo máis breve posible.


