Proxectos

As TIC Achéganse a ti

O avance tecnolóxico aportou ao ser humano novas e maiores posibilidades de desenvolver un modo de vida máis completo. Sen embargo, a construción dunha sociedade cada vez máis avanzada fíxoa ao mesmo tempo, máis complexa, na que continuamente novos e específicos coñecementos e habilidades se esixen ás persoas. No caso das persoas con discapacidade a progresiva complexidade do medio social pode ter, sen embargo, o efecto contrario ao buscado polo progreso social.

Neste senso e dende hai anos, “Amizade” ven apostando pola promoción e achegamento das novas tecnoloxías entre os/as seus/súas asociados/as. Somos conscientes da importancia que teñen as novas tecnoloxías da información e comunicación na sociedade globalizada na que vivimos e das múltiples posibilidades que abren as mesmas, xa que compensan e contribúen a mellorar a súa autonomía persoal, facilitando a súa comunicación e o acceso á información. É dicir, darlles a coñecer as T.I.C. é abrirlles oportunidades de participación e integración na sociedade.

Tendo en conta a súa importancia, ao longo do ano 2010 levouse a cabo un “Obradoiro de Alfabetización Informática e Iniciación á Ofimática” no que as persoas participantes ademáis de formarse no uso e manexo das novas tecnoloxías da comunicación e información, posibilitoulles o acceso ao mercado laboral en continua evolución. Para o desenvolvemento deste Obradoiro precisábamos de material informático que permitise o correcto desenvolvemento do mesmo e grazas á colaboración da Secretaría Xeral de Modernización e Innovación Tecnolóxica da Xunta de Galicia, o Ministerio de Industria, Turismo e Comercio e o Plan Avanza, este foi posible

No seguinte enlace podes descargar os proxecto presentado
As TIC achéganse a ti

Servizo de transporte adaptado

O servizo de transporte adaptado constitúe unha verdadeira necesidade para as persoas con mobilidade reducida. A ausencia de transporte público accesible dificulta a participación de moitas persoas nas actividades do centro polo que se fai necesario contar cun vehículo propio de transporte adaptado que posibilite esa participación.

Amizade conta xa cunha furgoneta adaptada que ofrece o servizo de transporte para as actividades da asociación; isto permite que persoas con mobilidade reducida poidan participar nas mesmas cunha maior facilidade.

O feito de que Amizade conte cun vehículo propio non mingua os esforzos que desde a asociación se veñen facendo de cara a conseguir un transporte público accesible para toda a poboación porque esa será a situación xusta que se pretende conseguir, na que ningunha persoa estea discriminada.

Programa de fisioterapia, recuperación funcional e piscina terapéutica

As persoas con discapacidade carecen na maioría dos casos dun programa de rehabilitación ou mantemento físico que potencie ou manteña a súa autonomía persoal e minore procesos dexenerativos. A oferta pública para paliar estas necesidades é mínima e claramente insuficiente. Por este motivo Amizade plantexa un programa completo que combina fisioterapia e hidroterapia.

Amizade ten solicitado nos últimos anos financiamento a diversas entidades públicas e privadas para a posta en marcha deste proxecto, sen ter conseguido polo de agora ningún resultado polsitivo.