Reunión co novo concelleiro de Accesibilidade do concello de Pontevedra
Unha remodelación do goberno local de Pontevedra provocou que a área de accesibilidade pasara a mans do novo concelleiro Luis Bará. Amizade xa tiña solicitada unha reunión co alcalde de Pontevedra e aproveitou a visita de Bará para adiantarlle as cuestións de maior interese.
Unha parte inicial da xuntanza consistiu en transmitirlle ao novo concelleiro o concepto de accesibilidade que Amizade defende e o que pensamos desde a asociación que se debe facer desde o concello neste eido.
Despois tratáronse temas concretos sobre a normativa actual de accesibilidade e a necesidade da súa reforma, a situación do transporte público da cidade, os aparcamentos reservados, etc.
O compromiso ao que se chegou por parte do concelleiro foi o de poñer en marcha unha comisión de accesibilidade que actúe como órgano de participación e consulta e no que o concello poida recabar as opinións das diferentes entidades implicadas na mellora da accesibilidade, non só as de persoas con discapacidade senón tamén de asociacións de veciños/as, arquitectos/as ou asociacións de empresarios.
Esta primeira reunión co novo concelleiro foi fructífera en canto á variedade de temas a tratar, a receptividade de Luis Bará e os compromisos adquiridos. Agardamos seguir neste camiño de colaboración.
Mención que fai a Voz de Galicia. FONTE: Voz de Galicia
Mención que fai o Faro de Vigo. FONTE: Faro de Vigo


