Amizade pon en marcha unha campaña de concienciación política

A asociación Amizade sabe que os responsables políticos dos concellos teñen moita capacidade para influír na mellora da calidade de vida dos seus cidadáns e cidadás, en especial, daqueles/as que posúen algún tipo de discapacidade.

A miúdo os alcaldes/esas e concelleiros/as descoñecen cales son as verdadeiras necesidades das persoas con discapacidade, o que provoca que as veces se poñan en marcha iniciativas que lonxe de favorecer a integración e a normalidade producen o efecto contrario.

Desde Amizade queremos informar axeitadamente aos responsables políticos dos concellos da comarca polo que iniciamos unha campaña de contactos con todos os alcaldes. Na primeira semana do mes de xuño fíxose chegar unha solicitude de entrevista a todos os concellos da comarca e agardamos que neste mes se poidan chegar a producir esas xuntanzas.

Ademais de falar das necesidades das persoas con discapacidade dunha maneira xeral, será interesante transmitir conceptos de igualdade de oportunidades, accesibilidade universal ou autonomía persoal; trataremos temas de accesibilidade aos edificios municipais, accesibilidade ao entorno urbano, condicións de outorgamento das tarxetas de estacionamento, necesidade de crear comisións municipais de accesibilidade (ou de sevizos socias) como órganos de participación e consulta, etc.

Agardamos obter unha boa receptividade e que estes primeiros contactos poidan dar lugar a colaboracións fluídas no futuro.