Amizade denuncia barreiras arquitectónicas no Burguer King

Despois de comprobar que o establecemento, a pesar de contar con licenza municipal, ten un chanzo de 10cm que impide o acceso a persoas con discapacidade, a asociación Amizade enviou a nota de prensa que aparece a continuación.

BURGUER KING, UN ESTABLECEMENTO QUE DISCRIMINA

Hai uns poucos días que abriu as súas portas o Burguer King situado na Praza de Curros Enríquez, despois de certas dificultades para conseguir a licenza de apertura.

Polo visto, agora conta con esa licenza municipal do que se desprende que cumpre toda a normativa de aplicación para establecementos das súas características. Neste sentido, desde Amizade discrepamos en que cumpra diversas normas de accesibilidade e igualdade de oportunidades polo que estudiaremos a posibilidade de denunciar o outorgamento da citada licenza.

O que si está claro é que incumpre a Convención da ONU sobre os Dereitos das Persoas con Discapacidade, ratificada polo parlamento español no mes de abril de 2008. Esta convención promulga como os seus principios, entre outros, a accesibilidade e a non discriminación e establece no seu artigo 9 o mandato para que “os Estados partes adopten medidas pertinentes a asegurar o acceso ás persoas con discapacidade, en igualdade de condicións coas demais, ao contorno físico, ..., e a outros servizos e instalacións abertas ao público e de uso público...”. E incumpre esta norma porque na porta de acceso conta cun chanzo de 10cm que impide que persoas con mobilidade reducida (en especial, usuarios/as de cadeiras de rodas) poidan entrar lo local e facer uso dos servizos que oferta, coartando así a súa liberdade e a súa igualdade de oportunidades.

Pero máis aló de cumprir ou non a normativa, e máis aló de se a responsabilidade é do lexislador, do concello, ou do titular do establecemento, o que está claro é que as persoas con mobilidade reducida estamos fartos de que se continúe permitindo que exista unha discriminación silenciosa, que case ninguén parece percibir pero que nos limita as posibilidades de normalizar a nosa vida persoal e social.

Non pretendemos que se criminalice ao establecemento en si, que neste caso se trata dunha amburguesería, senón de poñer enriba da mesa unha realidade existente no ano 2009, para que a sociedade en xeral sexa consciente dela e exerza tamén a súa responsabilidade como motor de cambio e forzar así a que, dunha vez por todas, non se volvan a abrir locais que discriminen a unha parte da poboación.

Mención que fai a Voz de Galicia. FONTE: Voz de Galicia