Amizade entrega os diplomas do curso de Formación de Asistente Persoal
As 11 alumnas que finalizaron o curso de Formación de Asistente Persoal recibiron o día 30 de xaneiro os seus diplomas que acreditan a superación de todos os módulos do curso.
Foi un curso de 270 horas de duración, impartidas de outubro a decembro de 2008, no que se efectuou unha formación completa para que todas as persoas que a recibiron poidan desenvolver axeitadamente as funcións do Asistente Persoal.
Á entrega de diplomas asistiron representantes das dúas entidades que cofinanciaron o curso: Concello de Pontevedra e Caixa Galicia. En representación da área de Benestar Social do concello de Pontevedra asistiu Carmen Santos (Secretaria Xeral de Benestar Social), e Gloria Rodríguez Pérez (Xerente Rexional da Fundación Caixa Galicia) representación da Obra Social de Caixa Galicia. Ambas coincidiron en salientar a orixinalidade da iniciativa de impartir un curso destas características posto que o traballo de Asistente Persoal está comezando a ser coñecido e solicitado, e non hai na actualidade entidades que poidan ofrecer esta formación directamente desde a súa experiencia.
Amizade reitera novamente o agradecemento, tanto á Área de Benestar Social do Concello de Pontevedra como á Obra Social de Caixa Galicia, polo apoio prestado nesta ocasión e polo seu continuo traballo en favor das persoas con discapacidade, que animamos a que continúe e mesmo se intensifique.



