Vázquez Plaza aposta pola supresión total das barreiras arquitectónicas de Monte Porreiro
Amizade aportou un estudo no que constaban 142 rampas non axustadas á lei e inútiles. Están dispersas por todo o barrio e serán reformadas para usalas. Tamén se construirán elementos de seguridade vial como lombos que se extenderán a Os Campos e Santa Margarita
O concelleiro de barrios, Miguel Vázquez Plaza visitou esta mañá o barrio de Monte Porreiro para estudiar sobre o terreo a instalación de pasos elevados e a eliminación de barreiras neste ámbito, no que residen 4.700 persoas. Estivo acompañado de representantes de Cogami, da asociación O Mirador, da empresa Rías Baixas, así como de técnicos municipais e da empresa Sercoysa que se encargará de facer estas obras.
A este encontro Amizade aportou un informe no se refiren 142 rampas para minusválidos construidas no barrio que non se axustan á normativa. O concelleiro acordou cos técnicos municipais e da propia empresa fotografiar todas estas rampas e reconstruilas ou facelas de novo para que poidan ser usadas. Quedaron de volverse a ver no prazo de 10 días para abordar estes elementos.
O concelleiro agradeceu persoalmente o traballo realizado por Amizade sobre a eliminación de barreiras arquitectónicas en Monte Porreiro, e mostrouse totalmente disposto a colaborar co colectivo e os veciños para eliminar estes elementos.
Asimesmo, tamén acordaron poñer pasos elevados nas diferentes rúas do barrio. A ubicación decidirase no prazo de dez días cando se volvan reunir cos técnicos, xa que será preciso determinar por cales se comeza e o ritmo dos traballos xa que será necesario cortar o tráfico, nalgún dos carrís.
No encontro tamén estivo presente representantes da empresa Rías Baixas, que quedaron de pasarlle aos técnicos as medidas do autobús adaptado para discapacitados de tal xeito que non atope problemas no seu paso por Monte Porreiro. Acordaron facer probas de paso polos lombos da rúa Alexandre Bóveda e se foran idóneos adoptaríanse aquelas alturas. A creación de elementos de seguridade vial tamén se extenderá a Santa Margarita e Os Campos.
Na visita tamén acordaron construir beirarrúas frente á Uned xa que son moitas as persoas que estacionan neste punto e obriga aos peóns a circular polo medio da rúa, e incluso impide o acceso ao autobús do barrio por este punto.
O concelleiro Miguel Vázquez Plaza explicou hoxe que o propósito deste encontro era abrir vías de diálogo cos veciños e implicados nestas obras de tal xeito que se minimicen os problemas e que se fagan atendendo á demanda das persoas con discapacidade. O concelleiro traballa co obxectivo de lograr a accesibilidade total no barrio de Monte Porreiro.
Luns 19 de Xaneiro do 2009. FONTE: Pontevedra.eu



