Reunión con Guillerme Vázquez
O pasado martes dia 20 de xaneiro o presidente de Amizade reuniuse con Guillerme Vázquez, concelleiro da área de protección cidadá e responsable, entre outras cousas, de ocupacións da vía pública, disciplina urbanística ou seguimento de obras urbanas.
A reunión tivo lugar nos locais de Amizade, por un tempo de algo máis de unha hora, e tratáronse temas de interese para a asociación. Paulo Fontán transmitiu a necesidade de contar cunha ordenanza municipal de accesibilidade que completase a lexislación estatal e autonómica e que puidese servir de primeira referencia para os promotores e empresarios que precisasen realizar obrar nos seus establecementos. Amizade aportou unha proposta técnica que considera que pode servir de base para a futura ordenanza municipal.
Tamén se falou da necesidade de efectuar unha correcta sinalización dos aparcamentos reservados para persoas con mobilidade reducida así como non esquecer o control policial sobre o uso incorrecto destas prazas.
Outros temas tratados referíanse ao estado de certas obras pendentes de finalización, o procedemento para avisar das lousas levantadas que se poden atopar pola rúa ou mesmo outras cuestións que, non sendo competencia directa de Guillerme Vázquez, el mesmo se encargou de orientarnos cara os departamentos competentes en cada área.
Amizade agradece a vontade de diálogo que, unha vez máis, amosou o concelleiro e estará pendente da situación dos temas tratados, ofrecendo a súa colaboración tal e como ven facendo nos últimos anos.



