Amizade denuncia a proposta de prolongar os prazos da aplicación da LEPA
A Lei de Autonomía Persoal e atención ás Persoas en Situación de Dependencia (LEPA) presentouse diante da opinión pública como a solución para moitas situacións de desamparo e abandono nas que se atopaban moitas persoas. Produciuse unha venda de esperanza, de fume, que se veu traducindo co paso do tempo en resignación e frutración.
Claro está de que se trata dunha Lei necesaria, que amplía dereitos e servizos, pero é unha Lei que xa desde o seu nacemento carece dunha aportación orzamentaria suficiente para poder garantir de feito os dereitos que amplía. Ademais, a intensidade de prestación dos servizos e as contías das prestacións económicas terían que ser sensiblemente superiores para que as persoas en situación de dependencia puidesen conseguir a autonomía precisa para poder gozar das mesmas oportunidades que o resto da poboación.
Dado o estado descrito, non podemos consentir que desde o goberno central se decida reducir un 25% o diñeiro para financiar a LEPA, propoñendo ampliar os prazos de aplicación que a propia Lei establece. Esiximos ao goberno de Madrid a que cumpra o prometido e non recurte gastos sociais argumentando dificultades da cuxuntura económica.
Moitas persoas con necesidade de apoios xeneralizados levan décadas agardando a que se lles ofrezan os medios precisos para exercer os mesmos dereitos que o resto da cidadanía e non hai dereito a que se lles siga perpetuando na mesma situación, e máis aínda argumentando dificultades económicas, e máis aínda nun goberno de esquerdas que di defender os dereitos dos grupos de poboación máis desfavorecidos.
