Amizade organizou unha Xornada lúdica, con Pesca e paseo pola ría
Nesta ocasión non só se organizou unha xornada de pesca senón que se ofertou tamén a posibilidade de dar un paseo pola ría. O 27 de setembro foi o día no que tivo lugar esta Xornada, que novamente se celebrou na contorna do paseo próximo ao peirao das Corbaceiras
A climatoloxía agradable animou nesta ocasión a que preto de 30 persoas se achegaran ás Corbaceiras e compartiran unha xornada agradable.
En canto á pesca como tal, este ano houbo máis éxito en canto ás capturas con relación a anos anteriores; ata cinco peixes decidiron morder o anzol, que como sempre, foron devoltos ao mar. Reiteramos o agradecemento ás persoas voluntarias que colaboraron en todo momento, e que permitiron que todo puidese desenvolverse con normalidade.
E grazas á colaboración do Club Ninauta, tamén existiu a posibilidade de dar un paseo pola ría a bordo dun pequeno catamarán adaptado; unha embarcación que permite o seu uso a persoas con mobilidade reducida. En dúas viaxes, un total de 14 persoas puideron gozar da experiencia de pasar por debaixo de varias pontes e ter unha perspectiva ben diferente da cidade de Pontevedra.
Esta xornada enmárcase dentro do programa de ocio e tempo libre que Amizade desenvolve cada ano e que conta co financiamento do Concello de Pontevedra. Este programa cumpre dous obxectivos: por un lado, ofrecer alternativas de ocio nas que as persoas con discapacidade poidan ocupar o seu tempo de lecer. E, por outro lado, facer ver á sociedade que as persoas con discapacidade son quen de realizar moitas cousas, dun xeito normalizado e integrador, sempre que conten coas condicións axeitadas (ausencia de barreiras, material adaptado,..).
Como ven sendo habitual, despois da pesca e o paseo pola ría celebrouse unha comida na que se compartiron opinións, experiencias e risas.