Paseo pola ría
Amizade organizou un paseo pola ría de Pontevedra, o venres 9 de Setembro, no que participaron varias persoas con mobilidade reducida. Esta actividase puidose organizar grazas á colaboración do Club Minauta, quen facilitou a embarcación. Trátase dunha zodiac de pequeno tamaño cuxo deseño permite que se poidan incorporar de xeito relativamente sinxelo persoas en cadeira de rodas.
Debido ao pequeno tamaño da embarcación, fixéronse dúas viaxes con dous grupos de persoas, sendo cada unha de aproximadamente unha hora de duración.
Saiuse desde o peirao das Corbaceiras e foise río arriba ata a estación de bombeo, e volta ao lugar de partida. Un paseo agadable no que se puido gozar dunha visión da ría de Pontevedra desde unha perspectiva especial, que non moitas persoas teñe a oportunidade de vivir. Atravesar a ponte do Burgo por debaixo dos seus arcos permite apreciar a beleza da construción dunha ponte importante na historia de Pontevedra.
A viaxe río arriba foi facéndose cada vez máis sorprendente; ponte de Santiago, ponte dos Tirantes, praia fluvial de Monte Porreiro e estación de bombeo. Ao pasar a praia, a ausencia de ruídos e a paisaxe frondosa de ribeira provocaba unha sensación moi agradable para todos os sentidos.
Tratouse dunha actividade de grande interese entre as persoas con mobilidade reducida (en especial, as usuarias de cadeira de rodas) polo feito de que non soen ter oportunidade de gozar do transporte marítimo debido a escasa accesibilidade coa que contan peiraos e embarcacións. Neste sentido, desde Amizade queremos aproveitar para denunciar novamente o actual estado das cousas, en concreto, dos peiraos e das embarcacións. Seguen a construírse peiraos e pantaláns que non contan coas axeitadas condicións de accesibilidade, e séguese a permitir a posta en funcionamento de embarcacións que non poden transportar persoas con mobilidade reducida; embarcacións que efectúan transporte baixo concesións públicas. De feito, para desenvolver esta actividade tamén houbo que sortear varias dificultades debido ao estado dos pantaláns.



