Congreso de Accesibilidade, Deseño Universal e Turismo para Todos/as
Coincidindo coa celebración de Ferpalia 2010 (bolsa de contratación turística de Galicia) os dias 29 e 30 de setembro e 1 de outubro, tivo lugar o I Congreso de Accesibilidade, Deseño Universal e Turismo para Todos/as nas instalacións do Pazo de Cultura de Pontevedra.
Un congreso no que se afondou no dereito que as persoas con discapacidade teñen a poder gozar de bens e servizos turísticos en igualdade, sen discriminación. Para que iso sexa unha realidade, para que todas as persoas poidan exercer os seus dereitos de maneira efectiva, cobra unha especial relevancia o concepto de Deseño Universal, que non implica nada máis que deseñar pensando en toda a poboación, coa súa diversidade, e non só nunha parte dela.
Foron moitas as intervencións que insistían na necesidade dunha maior formación técnica, dunha maior implicación dos poderes públicos e dunha maior presión social. Persoas de todo o estado que contribuíron coas súas ponencias a fomentar o debate sobre a igualdade de dereitos e sobre a accesibilidade aos nosos entornos, cunha especial atención ao sector turístico.
Agardamos que esta sexa a primeira edición dun congreso útil e necesario que se asente no tempo e que permita camiñar cara unha sociedade cada vez máis xusta.
Non podemos deixar de agradecer á organización do congreso todo o seu esforzo, en especial a José Manueln Cabada sen o que isto non se tería producido.





