Visita ao estadio de Pasarón
O martes 3 de agosto o presidente do Pontevedra C.F., Nino Mirón; o presidente da Deputación de Pontevedra, Rafael Louzán; e a concelleira de deportes, Anxos Riveiro, realizaron, xunto con representantes da Asociación Amizade, unha visita ás instalacións do novo Pasarón para comprobar que o estado das mesmas se axustase ás necesidades das persoas con mobilidade reducida.
Despois de comprobar o espazo reservado para persoas en cadeira de rodas que existe nas gradas e de analizar o interior dos aseos adaptados, puidéronse detectar numerosas deficiencias que se puxeron en coñecemento das autoridades non mesmo intre da visita.
Ben é certo que o estadio aínda non está rematado pero teranse que modificar bastantes cousas para que poida chegar a ser un estadio plenamente accesible, como pretenden as autoridades. Amizade comprometeuse a elaborar un informe con propostas de mellora.



