Amizade celebra unha comida na praia de Montalvo
O pasado sábado, 17 de Xullo, Amizade organizou unha comida de confraternización entre os seus socios/as, achegados/as e amigos/as. A comida tivo lugar no piñeiral da praia de Montalvo e nela intercambiáronse experiencias vitais, gozouse dun entorno natural e dunha compañía agradable.
Chegouse sobre as 12:30h e mentres uns/unhas poucos/as prepararon a mesa para o xantar, outros/as foron darse o primeiro chapuzón do día. Logo, chegou o momento do xantar e charlarmos un pouco, contarmos anécdotas, etc. Durante a sobremesa, dúas persoas amenizaron a mesa tocando a gaita e a pandeireta. A música atraeu máis música e fixo achegar ata a nosa mesa, unha trintena de persoas procedentes de Portugal que xantaban nunha mesa próxima; viñeron acompañadas dun acordeonista e deleitáronnos cun par de pezas de música portuguesa.
Pola tarde, rimos bastante xogando a un xogo de animais, no que cada persoa tiña unha cinta na cabeza e na que se lle pegaba unha tarxeta cun animal. A persoa descoñecía cal era o animal e tiña que descubrilo facendo diversas preguntas aos/ás demais. Tamén xogamos aos abrazos musicais e outros xogos máis.
Rematamos o día coa a gaita e pandeireta soando e todos/as bailando. Sobre ás 19:00 recollemos e cada un/unha regresou á súa casa.
En xeral, podemos dicir que foi unha boa xornada de lecer na que todos/as puidemos gozar da natureza, unha boa compaña, música galega e diversión. Todos/as quedamos con gañas de repetilo o vindeiro ano, agardando que sexan máis as persoas que se animen a participar.



