As novas normas de habitabilidade; outra oportunidade perdida

O pasado xoves 18 de marzo publicábanse no DOGA as novas Normas de Habitabilidade de Galicia, dando cumprimento a un compromiso adquirido durante a campaña electoral polo actual goberno da Xunta de Galicia.

Cando a Asociación Amizade soubo que o proceso de reforma se iniciara, elaborou un documento de propostas que fixo chegar á Xunta e no que fundamentalmente se lle solicitaba a inclusión da esixencia de que todos os novos edificios contasen cunha entrada accesible que se correspondese coa porta principal do edificio.

É unha cuestión que criticamos no seu día cando viu a luz a anterior normativa do 2007, que permitía a existencia dun chanzo de ata 12cm diante do acceso principal do edificio. Con esta modificación a cuestión está incluso peor, posto que a actual redacción da norma permite a posibilidade de que exista un chanzo de ata 15cm.

A través da colaboración de COGAMI (Confederación Galega de Persoas con Discapacidade) solicitouse unha reunión co director do Instituto Galego de Vivenda e Solo (IGVS) na que se lle transmitiu a necesidade de eliminar ese obstáculo legal que permitía que seguise existindo unha discriminación legal para moitas persoas que non poderán acceder a moitos dos edificios que se constrúan. Expuxéronselle non só argumentos sociais ou de dereitos humanos, senón tamén argumentos legais baseados na Convención da ONU sobre os Dereitos das Persoas con Discapacidade (ratificada polo parlamento español en abril de 2008) ou na Lei de Igualdade de Oportunidades, non Discriminación e Accesibilidade Universal (LIONDAU).

Pero, unha vez máis, perdeuse a oportunidade de poder facer unha norma para todas as persoas, sen discriminación, que cumprise coas leis e recomendacións estatais e internacionais. Pois non, decidiuse non alporizar aos poderes económicos ligados á construcción en lugar de garantir os mesmos dereitos a todas as persoas, sen poder esgrimir ningún argumento minimamente sensato que puidese xustificar dalgún xeito a decisión tomada; simplemente optouse por non garantir os mesmos dereitos a todas as persoas.