Reunión do presidente de Amizade co alcalde de Ponte Caldelas
Nesta ocasión foi Perfecto Rodríguez, alcalde de Ponte Caldelas, o que recibiu a visita de Paulo Fontán, na reunión mantida día 17 de novembro, ás 10:30h, nas dependencias da alcaldía, no mesmo edificio do concello.
De feito, as obras de accesibilidade realizadas na casa do concello (que incluiron a instalación dun ascensor) foi unhas das actuacións municipais que o alcalde relatou que o governo municipal estaba levando a cabo nos últimos tempos para mellorar a accesibilidade.
A posición de Amizade foi transmitir novamente o que a asociación considera que se debe facer desde os concellos para que a política municipal produza resultados satisfactorios para todas as persoas. Expuxéronse diferentes exemplos de como unha obra pode quedar ben ou mal dependendo de pequenos detalles, e tamén se falou de cuestións como a situación do transporte, os aparcamentos, outorgamento das tarxetas de estacionamento, etc.
Pola súa parte, o alcalde manifestou a súa intención de seguir mantendo un contacto fluído con Amizade para que a asociación asesore ao concello sobre como executar diversas obras de accesibilidade que se pretenden levar a cabo nos vindeiros anos.
É un paso máis desta campaña na que pretendemos achegar a nosa visión sobre como deben ser as políticas que afectan á vida das persoas con discapacidade, de maneira que se faga efectivo o lema de “Nada sobre nós, sen nós”, e coa intención tamén de informar e formar a políticos/as e técnicos/as para que o resultado do seu traballo futuro sexa mellor que o actual.



