Amizade reúnese co Alcalde de Marín, continuando coa campaña de concienciación política
Despois de retomar a campaña o pasado martes día 2 coa reunión mantida con Luciano Sobral, alcalde de Poio, Amizade trasladou agora as súas opinións a Francisco Veiga, alcalde de Marín, nunha reunión que se celebrou o día 13 de novembro, ás 10:00h, nas dependencias da área de servizos sociais do concello de Marín.
O alcalde de Poio comprometeuse xa a estudar a aprobación dunha ordenanza municipal de accesibilidade e a manter contactos periódicos con Amizade para afondar na mellora da accesibilidade do concello.
A reunión con Francisco Veiga pretendía igualmente conseguir algún tipo de compromiso de mellora da accesibilidade do concello, paro o que a asociación Amizade prestarase a colaborar.
O presidente de Amizade, Paulo Fontán, transmitiu o que a asociación considera que se debe facer desde os concellos para que a política municipal produza resultados satisfactorios para todas as persoas. Na reunión abordáronse cuestións como a situación de accesibilidade ao entorno urbano, a accesibildade dos edificios municipais, o transporte, os aparcamentos, outorgamento das tarxetas de estacionamento, etc.
Agardamos poder establecer unha canle de comunicación fluida co concello de Marín a partir desta primeira reunión e poder colaborar cos responsables políticos e técnicos na mellora do concello.
Con esta campaña pretendemos achegar a nosa visión sobre como deben ser as políticas que afectan á vida das persoas con discapacidade, de maneira que se faga efectivo o lema de “Nada sobre nós, sen nós”, e coa intención tamén de informar e formar a políticos/as e técnicos/as para que o resultado do seu traballo futuro sexa mellor que o actual.





