Amizade reactiva a campaña de concienciación política reuníndose co alcalde de Poio
Despois de iniciar a campaña de incidencia política aló polo mes de xuño co envío de cartas aos alcaldes dos concellos da comarca, máis ao de Marín, agora avánzase na mesma coas primeiras reunións.
Aparte do concello de Pontevedra, co se tiveron diversas reunións nos últimos meses con Luis Bará (concelleiro de accesibilidade), o alcalde de Poio será o primeiro que reciba a Amizade para escoitar o que a asociación considera que se debe facer desde os concellos para que a política municipal produza resultados satisfactorios para todas as persoas.
A reunión celebrarase o martes 3 de novembro ás 12:00h e nela abordaranse cuestións como a situación de accesibilidade dos edificios municipais, a accesibildade ao entorno urbano, o transporte, os aparcamentos, outorgamento das tarxetas de estacionamento, etc.
Agardamos poder establecer unha canle de comunicación fluida co concello de Poio a partir desta primeira reunión e poder colaborar cos responsables políticos e técnicos na mellora do concello.
Con esta campaña pretendemos achegar a nosa visión sobre como deben ser as políticas que afectan á vida das persoas con discapacidade, de maneira que se faga efectivo o lema de “Nada sobre nós, sen nós”, e coa intención tamén de informar e formar a políticos/as e técnicos/as para que o resultado do seu traballo futuro sexa mellor que o actual.


