Saída ás Illas Cíes/Praia Rodeira (Cangas)
Amizade organizou, para o mércores 8 de xullo, unha nova xornada de ocio que neste caso consistía nunha visita ás Illas Cíes, onde se tiña plantexado pasar todo día.
Mais o que ía ser unha xornada de lecer converteuse nunha experiencia de frustración, desesperanza e impotencia, e para algúns incluso de “medo”.
Levabamos semanas organizando a saída e concretando coa empresa “Naviera Mar de Ons” a visita guiada pola Illa, a accesibilidade ao barco; co Parque Nacional o paseo pola Illa; o transporte ata Cangas coa Fundación La Caixa e Transportes Rías Baixas, entre outros preparativos.
Chegado o día, 25 persoas, socias, achegados/as e coñecidos/as, estábamos preparados/as para saír desde o local da entidade en Monte Porreiro. O transporte ata Cangas fixémolo coa colaboración de Transportes Rías Baixas, que non podemos deixar de agradecer, e o transporte adaptado de Cogami.
Así, chegamos ao porto de Cangas ilusionados/as con coñecer esa paraxe natural e idílica das Illas Cíes. Mais a nosa ledicia rapidamente trocou cando vimos atónitos que o acceso ao barco faríase a través dunhas estreitas e angostas escaleiras de pedra...
A tripulación descoñecía que íamos empregar ese servizo, probablemente debido a un erro de comunicación entre o persoal da empresa e tamén ao descoñecemento que unha vez máis se fixo evidente da discapacidade e as súas características.
Primeiramente, meteron ao resto dos/as pasaxeiros/as alleos/as a nós e logo valoraron se sería mellor que nos metesemos todos/as agás as persoas en cadeira de rodas e logo estas. Decidimos que mellor primeiramente metesen as persoas con mobilidade reducida e logo entrariamos o resto e menos mal, porque se non tan só elas quedarían en terra...
Entre catro persoas, decidiron baixar á primeira persoa en cadeira de rodas ata a entrada do barco. Con moita dificultade e a piques de acabar cinco persoas “esmagadas” contra a pedra, conseguiron metela. O capitán desde a parte superior do barco, apuraba a súa tripulación xa que o barco debía partir; estábase retrasando... Cando ían coller á segunda persoa, a tripulación comezou a pensar que ía ser aínda máis complicado xa que esta ía pesar un pouco máis que a primeira. O patrón metía présa e un dos encargados da naviera insistía na perigosidade e falta de seguridade do que estaban facendo. Entón comezan a valorar a posibilidade de baixar á primeira persoa do barco e volver deixala en terra. Entre unha e outra cousa, o capitán acende motores e pouco a pouco afastase do porto, mentres 23 persoas miramos atónitos como nos quedamos sen saída ás Illas Cíes.
Levaron a esta persoa ata as Illas, de alí ao porto de Vigo, onde o baixan e o levan a outro barco desde o cal sería máis accesible a saída en Cangas, e de volta a Cangas. Todos/as os/as demais agardamos a que regresara mentres ideabamos que podíamos facer para pasar o día.
Decidimos aproveitar e quedarnos en Cangas, na praia Rodeira. Praia que en principio era accesible e que contaba con baños adaptados e incluso, cadeira anfibia. A verdade é que a praia está bastante adaptada, conta cun longo paseo polo que todos/as puidemos pasear, e tamén conta con baños adaptados. Mais si que era inaccesible chegar ao mar. As pasarelas tan só chegaban a metade da praia...
A verdade é que ao final, e a pesar de todas as dificultades e trabas coas que nos atopamos ao longo do día, aínda puidemos gozar dunha xornada de lecer en boa e agradable compañía. Pasámolo ben e sobre todo, non nos resignamos, non nos derrotamos, se non que collemos máis pulos para seguir loitando polos dereitos das persoas con discapacidade, polo dereito a poder acceder a un medio de transporte, a unha tenda, a un restaurante, a disfrutar dunha xornada de lecer en condicións de igualdade.
Pero como non podiamos quedarnos cos brazos cruzados, procedemos a presentar dúas reclamacións no mesmo peirao de Cangas e comunicamos a situación vivida á Unión de Consumidores de Galicia para que procedese a exercer os trámites que considerase oportunos. Estamos á expectativa de como transcorren os acontecementos pero non desbotamos efectuar outras medidas de presión.



