Amizade denuncia barreiras nun novo local
No mes de abril Amizade denunciou publicamente que se permitise a apertura de establecementos que discriminan. Nese caso tratábase do Burguer King situado na praza de Curros Enríquez que conta cun chanzo na porta de acceso que impide o acceso a persoas que se desprazan en cadeira de rodas, e dificulta o mesmo a outras persoas con mobilidade reducida.
Pois a historia parece repetirse. Non hai moitos días abriu as súas portas o restaurante “A casa da Oliva”, que está a facer publicidade en diferentes medios de comunicación. Pois ben, o citado establecemento conta cun chanzo duns 8 cm na mesma porta de acceso, aínda que curiosamente parece contar cun baño adaptado no seu interior.
Séguese permitindo, unha vez máis, esa discriminación silenciosa que case ninguén parece percibir pero que nos limita as posibilidades de normalizar a nosa vida persoal e social, e que nos considera cidadáns de segunda categoría.
Imaxinen por un momento que no establecemento hai un cartel que pon “Prohibida a entrada a negros/as”; non o poden imaxinar, é algo inimaxinable, sería unha clara discriminación, habería mobilizacións e protestas. Pois o efecto conseguido coa existencia do chanzo é o mesmo: “Prohibida a entrada a persoas en cadeira de rodas”; e non pasa nada, ninguén se escandaliza.
Xa está ben, precisamos un cambio de actitude urxente de todas as instancias públicas e privadas, e de toda a sociedade.
Instamos aos arquitectos a que exerzan a súa profesión con responsabilidade social; instamos ao concello de Pontevedra a que esixa a plena accesibilidade dos establecementos para poder outorgar as licenzas e a que controle e denuncie aos locais que están abertos ao público sen contar coa licenza correspondente; instamos aos empresarios a que abran locais accesibles a todas as persoas, ampliando así os seus potenciais clientes; e instamos a toda a poboación a que exerza a súa responsabilidade como consumidores/as.
Mención que fai a Voz de Galicia. FONTE: Voz de Galicia


