Actividades e campañas
Actividades asociativas
Particípase nas reunións e asembleas da FAMFIP e de COGAMI das que Amizade forma parte.
Mantéñense contactos periódicos con responsables políticos da comarca de Pontevedra para tratar temas ordinarios de traballo continuo ou algunha cuestión particular que nos sexa transmitida por algún socio/a.
A elaboración de comunicados de prensa sobre cuestións de actualidade que afecten ao grupo social das persoas con discapacidade é unha tarefa continua que nos permite estar presentes nos medios de comunicación, contribuíndo así ao cambio social que todos esperamos.
Actividades de sensibilización social
Estudio de locais accesibles e de barreiras existentes
A actividade ordinaria de Amizade permite coñecer con bastante amplitude cales son os locais de uso público que existen na cidade de Pontevedra nos que se permite o seu uso e disfrute a persoas con mobilidade reducida, especialmente aos usuarios/as de cadeira de rodas. Ao mesmo tempo, tamén coñecemos cales son as localizacións urbanas que presentan unhas maiores dificultades de accesibilidade.
Procederemos a compilar toda a información dispoñible así como analizaremos paulatinamente a accesibilidade daqueles espazos públicos, e privados de uso público. Como resultado teremos unha guía de espazos urbanos e de locais de uso público accesibles que poderá ser consultada directamente desde a nosa páxina web por calquera persoa interesada. Contaremos, ao mesmo tempo, cunha relación de espazos que presentan dificultades e que trasladaremos ás autoridades competentes para que tomen as medidas de accesibilidade oportunas.
Charlas informativas sobre o termo “Discapacidade”
Desde Amizade somos conscientes de que a linguaxe crea, modifica e orienta o pensamento, e que de utilizar uns termos ou outros, a percepción individual e a transmisión social que se producen son ben diferentes. Tanto é así que a propia OMS promocionou a Clasificación Internacional do Funcionamento, da Discapacidade e da Saúde (CIF) no ano 2001, na que se pretende desprazar o “problema” da persoa ao entorno, eliminando termos como “deficiencia” ”minusvalía” e introducindo novos conceptos como “estado de saúde”. Entendese a discapacidade como as limitacións no funcionamento dunha persoa dentro dun contexto particular, e considérase que os factores ambientais inflúen e se relacionan co funcionamento e a discapacidade. Estes, á vez, son conceptos dinámicos, no sentido de que nunha persoa determinada coexisten tanto limitacións como capacidades.
Faise preciso un esforzo de información e comunicación á sociedade para que comprenda a diferencia entre utilizar un ou outro termo. Un esforzo que xa vimos realizando desde Amizade nos últimos meses pero que no vindeiro ano 2008 agarda ter unha maior presencia social e mediática que se efectivizará coa realización de varias charlas de concienciación social e unha xornada específica de traballo cos medios de comunicación.
Campaña de prevención de lesións medulares
Está destinada a sensibilizar a poboación xuvenil que empeza a saír e conducir, sobre a importancia de manter comportamentos responsables nas fins de semana, e de previr as lesións medulares e as consecuencias das mesmas, visto sempre dende un punto de vista optimista e conciliador coa realidade.
A actividade consiste en impartir charlas polos institutos da comarca de Pontevedra aos alumnos de secundaria (ESO e bacharelato), previo acordo cos responsables do centro. Soen ser grupos de entre 40 e 50 persoas as que se lles explica cales poden ser as consecuencias de levar a cabo conductas irresponsables ao conducir ou montar nun vehículo. Transmítense normas básicas de seguridade vial á vez que se exemplifican cales poden ser as consecuencias de non cumprir as normas. É neste aspecto no que maior atención se consegue, posto que en todas as charlas participa unha persoa con Lesión Medular ocasionada nun accidente de circulación.
A xuventude das víctimas destes accidentes fai que a proximidade xeracional cos alumnos/as favoreza a identificación do perigo real e se consiga así unha maior eficacia no desenvolvemento da campaña.
Ao mesmo tempo ofréceselles unha visión real do fenómeno da discapacidade, intentando anular mitos existentes como consecuencia de actitudes paternalistas ou discriminatorias. Preténdese deixar claro que as persoas con discapacidade non son nin mellores nin peores, nin máis nin menos válidas que as persoas sen discapacidade. Perséguese transmitir unha actitude aberta que beneficie a normalidade das futuras relacións interpersoais que se poidan producir entre os alumnos/as que asisten as charlas e as persoas con discapacidade coas que se atopen na súa vida.
En cada charla tómase nota do grao de participación do alumno/a e da interese mostrada. Repártese un cuestionario totalmente anónimo no que comentan as súas impresións, suxestións para mellorar a actividade, e valoran a claridade na exposición e o método empregado.
Durante o ano 2006 impartíronse 10 charlas as que asistiron un total de 360 persoas. No presente ano 2007 tiveron lugar 3 charlas cunha asistencia total de 130 persoas, esperando incrementar esta cifra considerablemente no 2008.

