Ciclo de conferencias sobre Cidade e Espazos Públicos

A cidade vivida

Intervención de Paulo Fontan

Paulo Fontán durante a súa intervención no acto (Clic para ampliar a imaxe)Boas tardes a todos e todas.

En primeiro lugar, quero agradecer a invitación a participar nestas conferencias ao concello de Pontevedra e, en especial, á concelleira de cultura (Lola Dopico) á que aproveito para felicitar por esta iniciativa.

O certo é que xa interviñeron aquí, neste fermoso entorno, tres profesores de universidade de contrastado prestixio, e en vindeiros días intervirán diversos profesionais da arquitectura, tamén cunha ampla traxectoria profesional.

Preguntábame, logo, que é o que podo aportar eu, un simple cidadán, ao debate sobre “cidade e espazos públicos” que se pretende suscitar nestas conferencias. Todos os cidadáns e cidadás que visitan Pontevedra poden ver as mesmas rúas, as mesmas prazas, os mesmos usos sociais, etc.

A diferenza pode estar en que eu, ademais do feito de velas, obsérvoas, analízoas e compároas (as rúas, prazas,...); doume conta dos usos que se lle dan e en quen pode desfrutar dos mesmos.

Supoño que iso foi o que me permitiu colaborar, modestamente, co concello de Pontevedra nestes últimos anos.

Obviamente, falarei de accesibilidade, porei fotos da cidade e explicarei porque están ben feitas algunhas cousas.

Paulo Fontán durante a súa intervención no acto (Clic para ampliar a imaxe)Antes, unha pequena referencia a Enrique Peñalosa, que foi alcalde da cidade de Bogotá durante só tres anos. Él repensou o concepto de sustentabilidade urbana dicindo que se tiña que asentar nos valores de xustiza social e equidade no acceso aos beneficios e garantías urbanas. Dicía que, nos países con menos recursos, cando o rico se toma un descanso, colle o coche e se vai á praia, ou de viaxe, ou no peor dos casos, desfruta do seu xardín. Os pobres saen á rúa; é todo o que teñen.

Así o espazo urbano común transfórmase na única fonte de benestar social directamente accesible polos que teñen menos, e a cidade (e as súas autoridades) teñen o deber moral de atender esa necesidade. A cidade debera ser capaz de non facer distinción de usuarios, de garantizar o acceso aos beneficios urbanos e protexer a saúde dos seus habitantes. De Todos, sen exclusión.

Aínda que basea o seu discurso na diferenza entre pobres e ricos, o argumento de que son as autoridades as encargadas de garantir o acceso aos espazos públicos a todas as persoas (sen exclusión) está, ou debería estar, moi presente nos nosos días.

Non vou facer aquí un relatorio legal das normas que amparan a igualdade de oportunidades de todas as persoas, nin das normativas de accesibilidade, porque non é o obxecto desta intervención.

Sempre que falo de accesibilidade, de deseño urbano e cousas así, plantéxome se detallar todas as persoas que se benefician dun entorno accesible é necesario ou non; ás veces, dáme a impresión de que a xente xa o sabe e que lle parece ata mal que llo recordes; porque, claro, eles/as xa tiveron bebés e xa os pasearon nos seus carriños, e antes elas xa estiveron embarazadísimas, e xa andaron con muletas aquela vez que escordaron un pé, e xa teñen un avó que arrastra os pés ao camiñar, e xa están cansados e cansadas de saír do super coas mans cheas de bolsas. Así que xa saben a diferenza entre un portal de edifico accesible e outro con chanzos, entre unha beirarrúa estreita e a que non o é, entre mobiliario urbano ben ou mal ubicado, etc; eles / esa xente / vós xa sabedes todo iso, presuntamente, engadiría eu. Porque se todas as persoas soubesen isto, que o deseño accesible non é para os que imos en cadeira de rodas senón que é un ben social que beneficia a toda a poboación, non nos atoparíamos con arquitectos e enxeñeiros que proxectan obras con barreiras, nin con albaneis que non entenden certas cuestións, nin con empresarios/as que abren os seus negocios con chanzos na entrada, nin con políticos/as que permiten estas situacións.

Ben, centrémonos nas características dos espazos urbanos.

Vou falar e poñer fotos de Pontevedra non só porque sexa a miña cidade, ou a que me queda máis preto senón porque é un exemplo a nivel estatal de como un deseño urbano accesible é fácil de conseguir, e beneficioso para todas as persoas.

Pero comecemos polo principio:

A Peonalización da zona monumental supuxo un primeiro paso para recuperar espazos urbanos para a cidadanía. Pero para que eses espazos fosen accesibles, para que a recuperación non fose só para uns poucos, non bastaba con sacar os coches e listo, todo arranxado; non. A situación das beirarrúas, dos pavimentos, dos pasos de peóns, das prazas, do mobiliario, etc., que había impedían que moitas persoas puidesen desfrutar deses espazos e facían necesaria unha reforma dos mesmos; pero non unha reforma calquera senón unha na que a accesibilidade universal e o deseño para todos e todas estivera presente en todo o proceso de deseño e execución.

Van ir aparecendo agora algunhas fotos de como estaba a cidade hai uns dez anos.

Pódense ver beirarrúas estreitas (que dificultan o cruce de dúas persoas, e moito máis se levan un carriño de bebé, ou se chove e todo o mundo anda con paraugas), coches en dobre ou triple fila (ou invadindo pasos de peóns), mobiliario mal deseñado e mal ubicado, etc.

Imos ver agora o resultado de reformas integrais que se fixeron en diferentes prazas e rúas e comentándoas.

Pódese ver como en todos os espazos reformados na zona monumental se optou por plataformas únicas con pavimentos lisos e continuos.

Nas rúas pódese ver como se optou igualmente por igualar os niveis da plataforma da rúa e a da beirarrúa de xeito que facilita o cruce. Tamén se pode observar unha clara liña de circulación peonil e unha clara liña de mobiliario urbano, que en ningún momento invade o itinerario de circulación.

A continuación aparecerán unhas fotografías comparativas sobre a situación de partida e a situación actual.

Os que vivides en Pontevedra, ou coñecedes a cidade, xa sabedes cales son as diferenzas, pero se cadra hai xente que non é de aquí. E, ademais, seguro que os de aquí, non o recordades demasiado e seguro que esta comparativa vos sorprende algo.

O título que se lle puxo a esta intervención foi o de “a cidade vivida”; podían ter sido outros, como “a cidade integradora”, “unha cidade para todos e todas”, ou “a cidade imaxinada”. Calquera destes títulos poderían dar pé á miña intervención.

Todas as persoas que teñen dificultade para desprazarse veñen sufrindo / vimos sufrindo unha discriminación silenciosa desde sempre, ao non poder desprazarse polos espazos públicos (polas rúas, polas prazas,...), ao non poder acceder aos establecementos comerciais, ou ao non poder utilizar os medios de transporte. As persoas con maior dificultade de movemento somos as que nos damos máis conta de todo isto e as que traballamos máis activamente para ir cambiando a situación. Será un paso importante o momento en que a sociedade en xeral comece a reclamar a construcción de espazos accesibles; que considere a accesibilidade como un ben social que beneficia a toda a poboación; que cando observen unha obra nova, pensen se ten ou non problemas de accesibilidade, en lugar de se é máis ou menos bonito o pavimento escollido (aínda que unha cousa non quita á outra).

Convén recordar que as persoas con discapacidade non sufrimos pola nosa situación (ese era o pensamento paternalista que había hai anos), senón que sufrimos polas trabas que se nos poñen no camiño; por non poder entrar nun edificio, por non poder cruzar unha rúa, etc. Non se esquezan de que as barreiras arquitectónicas condicionan moito máis a liberdade e independencia das persoas que as limitacións funcionais que poidan ter.

E todo isto para que se vexa que para que unha cidade poida ser vivida (como di o título da conferencia), primeiro ten que poder ser usada, e de aí a necesidade, non só de contar con espazos públicos, senón de que estes poidan ser usados, e polo tanto vividos, por todas as persoas.

A continuación pódense ver unha serie de exemplos de como uns espazos públicos poden ser susceptibles dunha pluralidade de usos, e como calquera persoa pode ser partícipe deses usos. Usos comerciais, de paseo, festivos e culturais, ...

E foi así (con toda a reforma efectuada, cos criterios axeitados comentados) como unha cidade na que vivían moitas persoas diferentes, puido comezar a ser vivida por todas elas.

GRAZAS POLA SÚA ATENCIÓN

Patrocinadores

Transporte accesible